Close

21 junio, 2016

A campaña BOCATS remata a súa primeira fase de recollida de sedimentos no Atlántico Norte

O grupo XM1 encárgase, por primeira vez, da recollida e análise das mostras sedimentarias

 

Os datos obtidos, xunto cos da columna de auga, permitirán estudar os fluxos do ciclo de carbono

 

De “moi positiva” cualifica docente o e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo Guillermo Francés a primeira fase da campaña Bocats, despois que o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa arribase ás costas de Groenlandia. Atrás, queda algo máis dun mes de navegación por augas do Atlántico Norte no transecto comprendido entre Vigo e Groenlandia (sección OVIDE), no que persoal do Instituto de Investigación Mariñas do CSIC en Vigo e do Ifremer, xunto ao da Universidade de Vigo, mediu diversas propiedades físicas e químicas da columna de auga (pH, alcalinidade, concentración en CO2, osíxeno, nutrientes, etc.) en 99 estacións separadas entre si uns 30 quilómetros de media, cumpríndose así un dos obxectivos da campaña, como é a caracterización das masas de auga ao longo dun transecto que se repite cada dous anos desde 2002. “Por primeira vez, nesta serie de medidas, estanse a obter mostras de sedimentos nos mesmos puntos. Ata o de agora recuperamos sedimentos en 26 puntos e nos próximos días completaremos o transecto prospectando un mínimo de 25 estacións máis na conca de Irminger”, explica Francés, ao que acompañan en representación da Universidade de Vigo a tamén investigadora Irene Alejo e os estudantes Susa Álvarez e Víctor Pelayo.

 

As mostras de sedimentos superficiais recollidas en todas as estacións acadan un espesor comprendido entre os 20 e os 35 cm. e tendo en conta que as análises que os investigadores e investigadoras vigueses pretenden facer son de cada centímetro, o total de mostras a estudar superará as 1300. “Isto implica que a cantidade de datos e información que obteremos nos permitirá realizar unha caracterización detallada do sedimento e da súa relación coas masas de auga do fondo”, explica Francés, que destaca a importancia que ten á hora de calcular os fluxos do ciclo de carbono, non restrinxirse unicamente á columna de auga, como ocorre na maioría de estudos realizados, senón introducir no cálculo a parte que, aínda que minoritaria, non desprezable, vai aos sedimentos ou, eventualmente, que os sedimentos están a devolver ao océano.
A campaña BOCATS, Biennial Observation of Carbon, Acidification,Transport and Sedimentation in the North Atlantic, Observación bienal do carbono, acidificación, transporte e sedimentación no Atlántico Norte, é un proxecto financiado polo Mineco con máis de 158.000 euros (sen incluír a campaña), que lidera o investigador do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo Fiz Fernández.

 

Chegada a Reikiavik e posterior análise dos sedimentos

 

Tras pasar unhas horas ao abrigo da costa de Groenlandia por mor dunha forte borrasca, que provocou rachas de vento de 45 nos e olas de ata cinco metros, o Sarmiento de Gamboa iniciou un percorrido inverso, dedicado exclusivamente á recuperación dos sedimentos do fondo, para a continuación afrontar os derradeiros días da campaña que se desenvolverá no tramo paralelo á dorsal de Reykjanes e continuar o transecto (sección RREX), seguindo a orientación desta cordilleira submarina ata finalizar na capital de Islandia, onde agardan chegar a finais de mes.

 

“Finalizada a campaña BOCATS e unha vez en terra todas as análises dos sedimentos son responsabilidade do grupo XM1, non só dos investigadores que embarcamos, senón do resto do equipo. Isto inclúe análises de tamaño de gran, de composición, de contido en materia orgánica, de microfósiles e datación de sedimentos”, detalla o investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio sobre o traballo que lles agarda e cuxos resultados serán relacionados cos obtidos na columna de auga polo grupo do IIM e de Ifremer. Así mesmo, os e as investigadoras da Universidade de Vigo pretenden establecer colaboracións con outros grupos para levar a cabo outras análises complementarias que eles non son quen de abordar.

21 junio, 2016