Visita dunha delegación da China University of Geosciences (Beijing)

Os días 25 e 26 de setembro, as instalacións da Facultade de Ciencias do Mar e da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), ambas vinculadas ao Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, recibiron a visita dunha delegación da China University of Geosciences (Beijing) (CUGB).
Entre as persoas integrantes da delegación estaban Yalin Lei, presidenta do Consello Universitario (Chairperson of University Council); Jianxin Xia, decano da Escola de Ciencias do Océano (Dean of School of Ocean Sciences); e Huaming Guo, decano da Escola de Recursos Hídricos e Medio Ambiente (Dean of School of Water Resources and Environment), xunto con outros representantes da institución chinesa.
Durante a visita, a delegación tamén mantivo un encontro coa Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo. Estas reunións permitiron dar a coñecer as instalacións e capacidades científicas da Facultade de Ciencias do Mar e da ECIMAT, así como explorar novas oportunidades de colaboración académica e investigadora entre ambas as universidades, co obxectivo de avanzar no establecemento de novos convenios entre facultades.
Estas iniciativas contribúen a reforzar a proxección internacional da Universidade de Vigo e a impulsar novas vías de cooperación no ámbito das ciencias mariñas e ambientais.





