Close

23 Xuño, 2016

Ciencias do Mar homenaxeará a egresados e docentes na celebración do seu 25 aniversario

Nestes anos a facultade sacou ao mercado profesional máis de 1200 titulados

As actividades arrancarán o día 15 coa participación do coñecido divulgador científico Manuel Toharia

Nestes anos a facultade sacou ao mercado profesional máis de 1200 titulados

As actividades arrancarán o día 15 coa participación do coñecido divulgador científico Manuel Toharia

 

D. Besadío | Vigo
Mesas redondas, conferencias, concursos, competicións e, sobre todo, múltiples reencontros. A Facultade de Ciencias do Mar celebrará este curso por todo o alto o seu 25 aniversario e farao dándolle moito protagonismo a todas e todos os que estes anos pasaron polas súas aulas “profesionais de prestixio que hoxe levan a cabo o seu labor en diferentes partes do mundo”, salienta a actual decana, Belén Rubio, que fai fincapé en que o obxectivo do centro é organizar toda unha serie de actos cos que “non só lembrar a historia, senón tamén amosarlle o novo alumnado as múltiples saídas laborais as que lles dá acceso esta titulación”.

O programa de actividades arrancará o vindeiro xoves día 15 no Auditorio Municipal do Areal ás 17.00 horas cun acto ao que asistirá o reitor, Salustiano Mato, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero e no que se contará coa participación dun dos principais divulgadores científicos españois: Manuel Toharia, na actualidade asesor do Oceanogràfic de Valencia, que impartará a conferenciaO cambio climático no planeta auga, á que lle seguirá unha mesa redonda coa participación dos diferentes decanos e decanas que tivo o centro nestes anos e tamén os responsables desta titulación noutras universidades españolas.

 

1224 persoas tituladas e 384 docentes

“A titulación arrancou dentro da entón denominada Facultade de Ciencias e exercendo como decano o actual reitor”, explica Rubio, ao que engade que logo lle seguiron nomes como o de Encarnación De Miguel, Mª Luisa Andrade e Manuel J. Reigosa ata que, no 2002, se constituíu como centro propio, convertendo así ao profesor Miguel Ángel Nombela no primeiro decano da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. Tras el pasaron pola dirección do centro os docentes Gabriel Rosón, Jesús Souza Troncoso e a propia Belén Rubio, que accedeu ao cargo en 2013.

“Pasaron 25 anos desde que se puxo en marcha a titulación e, dende entón, aconteceron moitas cousas, por iso aproveitaremos o aniversario para botar a vista atrás e lembrar as máis importantes”, recalca a decana, que fai fincapé en que das aulas da facultade saíron xa 1224 titulados e impartiron docencia 384 profesores.

 

Oceanógrafos polo mundo

Se ben o calendario definitivo está aínda por pechar, a decana adianta que, ademais das conferencias, que se estenderán ao longo de todo o curso e terán tamén lugar no auditorio do Areal, en novembro organizarán varias actividades coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia e a intención é tamén levar a cabo o ciclo Oceanógrafos polo mundo. “Temos exalumnas e exalumnos exercendo postos de responsabilidade practicamente nos cinco continentes, desde Australia a Estados Unidos e gustaríanos contar coa súa testemuña para que sirvan de exemplo ás novas xeracións”, recalcou a decana, que resaltou tamén o feito de que tamén o alumnado se está afanando coa organización de actividades relacionadas co aniversario do centro.

 

Toharia, un dos principais referentes da divulgación científica en España

Manuel Toharia (Madrid, 1944) é a día de hoxe un dos principais referentes a nivel español no eido da divulgación científica. Na actualidade ocupa o o cargo de director científico do complexo Ciudad de las Artes y las Ciencias, así como do Museo das Ciencias Príncipe Felipe de Valencia, posto ao que chegou tras ter exercido múltiples cargos de responsabilidade en diferentes institucións.

Físico de formación (especialista en Física do Cosmos), desde o inicio da súa traxectoria profesional estivo ligado ao mundo da comunicación da ciencia tanto en prensa escrita, como en radio e televisión, medio ao que chegou en 1971 como redactor científico e ‘home do tempo’. Escribiu tamén máis de 40 libros de divulgación e, entre os seus múltiples méritos, está o de ser membro do xurado de Ciencia e Tecnoloxía dos Premios Princesa de Asturias desde 2010.

 

 

23 Xuño, 2016