Close

21 junio, 2017

Elda Miramontes, alumna da facultade, galardonada nos Premios Nacionais Fin de Carreira 2012-2013

“É un premio a todo o esforzo realizado ao longo da carreira”, “un éxito non só a nivel académico senón tamén persoal”, “unha alegría moi grande que me dá confianza no meu traballo e motivación para intentar mellorar” ou “toda unha honra que recoñezan o traballo realizado”. Así reaccionan as tres egresadas e un egresado da Universidade de Vigo á noticia de que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lles concedeu cadanseu Premio Nacional Fin de Carreira 2012-2013. O recoñecemento chégalles case catro anos despois de ter rematado a titulación e metidos xa de cheo no mercado laboral: dúas en España, unha en Francia e outro en California. Aínda non saben con certeza se haberá, ao igual ca noutras ocasións, cerimonia de entrega, pero igualmente se amosan moi satisfeitas e satisfeito por unha distinción que, aínda que tarde, sempre é ben recibida.

Helena Pose, graduada en Administración e Dirección de Empresas, e María Bravo, en Enxeñaría Técnica Agrícola, na especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias, recibiron cadanseu primeiro premio, distinción dotada con 3300 euros; Darío López, enxeñeiro industrial, un segundo premio, dotado de 2650 euros, e Elda Miramontes, licenciada en Ciencias do Mar, un terceiro premio dotado con 2.200 euros.

 

O mar, a paixón que Elda Miramontes converteu en profesión

Ao igual ca López, Elda Miramontes tamén se atopa no estranxeiro, no seu caso facendo un posdoutoramento no Ifremer, o instituto oceanográfico francés. “Ao rematar Ciencias do Mar vin a Francia para empezar a tese. Doutoreime o pasado mes de novembro e sigo traballando en Brest, agora xa noutro proxecto”, salienta a egresada, quen explica que se decidiu por estes estudos porque sempre viviu preto do mar e encantáballe ir de paseo pola costa e mirar “todo a bichería que podes atopar”. Para os que agora se formulen a posibilidade de estudar este grao explícalles que “Ciencias do Mar é moito máis que bioloxía mariña, tamén é oceanografía física, xeoloxía mariña e química medioambiental. É unha carreira moi completa que permite entender o medio mariño dunha forma máis aberta que a xente con estudos de base máis especializados”, explica Miramontes, ao que engade que os egresados desta titulación poden rematar traballando en temas de pesca, en consultoras medioambientais, en acuicultura, en portos, en modelización de ondas e correntes, en clima e paleoclima, en xestión de costas… “en definitiva, en calquera parte”.

21 junio, 2017