Close

Xustificación

XUSTIFICACIÓN DO TÍTULO PROPOSTO, ARGUMENTANDO O INTERESE ACADÉMICO, CIENTÍFICO OU PROFESIONAL DO MESMO

Experiencias anteriores da universidade na impartición de títulos similares

Actualmente a Universidade de Vigo imparte estudos de Grao en Ciencias do Mar, cuxa primeira promoción comezou no curso 2009/10. Non obstante, o inicio da formación no ámbito das Ciencias do Mar comezou no curso 1991/92 cos estudos de Licenciatura en Ciencias do Mar, que evolucionaron no actual Grao. Ademais, desde o curso 2015/16, a Universidade de Vigo participa conxuntamente coa Universidad de Cádiz e a Universidad de Las Palmas de Gran Canaria no Máster universitario en Oceanografía.

Datos e estudos acerca da demanda potencial do título e o seu interese para a sociedade

No ano 2005, na súa reunión do 15 de abril, a Asociación de Equipos Decanais de Ciencias do Mar caracterizou os estudos en Ciencias do Mar dun modo xenérico que se sigue axustando de forma correcta á situación actual:

  • É unha oferta de educación superior claramente diferenciada de outras titulacións.
  • Existe unha demanda elevada, o que redunda no carácter vocacional do estudantado de Ciencias do Mar.
  • Unha boa taxa de emprego, cunha porcentaxe importante en traballos relacionados coa titulación.
  • A calidade da docencia e da investigación nas Facultades que imparten esta titulación foi contrastada nos sucesivos procesos de control aos que foron sometidas, tanto a nivel rexional como nacional a través da ANECA.
  • A opinión dos empregadores sobre os titulados é boa, e valora especialmente a súa formación multi e interdisciplinar, así como a súa capacidade de adaptación, aprendizaxe e de traballo en equipos multidisciplinares.

No caso da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, é a única que imparte este Grao en toda Galicia e no Norte peninsular, atraendo estudantado doutras Comunidades Autónomas. Trátase, por tanto, dunha titulación multidisciplinar que resposta a determinadas necesidades demandadas pola sociedade no que ao estudo, xestión e conservación do medio mariño se refire, e que non se cubre de modo satisfactorio noutras titulacións.

Nas reunións anuais dos Ministros de Ciencia do G7 celebradas nos últimos anos, resolveuse tomar medidas para continuar desenvolvendo unha sociedade global do coñecemento. Nos comunicados finais de ditos encontros, declárase o compromiso a desenvolver unha cooperación internacional máis eficaz entre os países do G7 e outras partes interesadas. Recoñecendo que a ciencia xoga un papel clave no subministro de solucións aos problemas ambientais e de saúde de hoxe en día, os Ministros propoñen unha cooperación máis estreita coa comunidade científica internacional en catro temas principais, un deles o futuro dos océanos e mares.

O Grao en Ciencias do Mar estuda e dá resposta a esta problemática. As preocupacións ambientais relacionadas cos desfeitos mariños, a acidificación do océano, a perda da biodiversidade, desosixenación, o quecemento, a degradación dos ecosistemas mariños e os impactos ambientais da minería en alta mar son algúns dos temas prioritarios de investigación de moitos investigadores da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. Estes temas incorpóranse de forma rutinaria polos profesores nas súas clases, e constitúen unha parte importante do conxunto de coñecementos dos graduados en Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo. Esta capacitación brinda aos nosos graduados unha perspectiva singular extraordinariamente valiosa sobre o funcionamiento dos océanos. O papel destes graduados no desenvolvemento e xestión dos recursos mariños no futuro presenta oportunidades únicas para o desenvolvemento profesional, poñéndoos nunha posición de vantaxe, por canto se constitúe como un dos piares sobre os que se basea o progreso e a evolución da sociedade no futuro inmediato.

Así, as Ciencias do Mar, e polo tando os seus graduados e graduadas, non deben ser alleos ás últimas tendencias en desenvolvemento económico e sostibilidade. Conceptos como “Economía Circular”, “Bioeconomía” ou “Economía Azul” foron considerados de grande importancia por parte das institucións europeas, que deseñaron estratexias para o seu desenvolvemento en todos os ámbitos socioeconómicos e que serán de vital importancia para a economía nos vindeiros anos. Estas novas propostas de desenvolvemento sostible e crecemento económico supoñen novos retos para a sociedade, que tamén deben ser afrontados desde o medio mariño grazas ás achegas de profesionais axeitadamente preparados para iso.

Economía Circular: A Economía Circular é aquela que tende a “pechar o círculo” dos ciclos de vida dos produtos a través dunha maior reciclaxe e reutilización, e achegará beneficios medioambientais e económicos. Extraer o máximo valor e uso de todas as materias primas, produtos e residuos, fomentando o aforro enerxético e reducendo as emisións de gases de efecto invernadoiro, son valores a desenvolver dentro deste concepto.

A Economía Circular debe ser desenvolvida en todos os ámbitos e sectores produtivos. O graduado/a en Ciencias do Mar debe ser un axente de importancia para aplicar os principios desta tendencia en economía no que aos recursos mariños se refire. O seu coñecemento a nivel multidisciplinar dos diferentes axentes económicos relacionados co medio mariño, así como das súas necesidades e tecnoloxías, fan de el, ou ela, un elemento que facilita a aplicación dos principios da mesma.

Bioeconomía: O concepto de Bioeconomía está asociado a un desenvolvemento económico innovador e baixo en emisións, no que se asegure a demanda de produtos agrarios e pesqueiros mediante técnicas sostibles, así como a obtención sostible de recursos biolóxicos renovables de interese industrial, ao mesmo tempo que se asegura a biodiversidade e a protección medioambiental. Para iso é necesario actuar en tres puntos básicos:

  1. Desenvolvemento de novas tecnoloxías.
  2. Desenvolvemento dos mercados e a competitividade dos sectores relacionados coa Bioeconomía.
  3. Colaboración entre os axentes implicados (institucións, empresas, asociacións, etc.) para traballar de forma conxunta.

A Bioeconomía asociada ao medio mariño, supón a utilización dos recursos biolóxicos en sentido amplo, considerando non só materias primas non elaboradas ou recursos alimenticios, senón todas as materias primas de orixe biolóxico procedentes de dito medio, desde os recursos pesqueiros ata as substancias residuais de industrias relacionadas co sector marítimo-pesqueiro. A utilización, aproveitamento máximo destas materias, así como a súa transformación, esixen un profundo coñecemento das mesmas: produción, caracterización, potencial, etc.

Economía Azul: A Comisión Europea define a Economía Azul como aquela que permite un crecemento sostible baseado no medio mariño e considérase que é a contribución mariña para conseguir os obxectivos da estratexia Europa 2020, que pretende un crecemento económico sostible e inclusivo. A economía azul supón o emprego duns 5,4 millóns de personas e xera uns 500 billóns de euros anualmente, aínda que a Comisión Europea espera un maior crecemento grazas ao desenvolvemento de determinadas áreas:

  1. Desenvolvemento de aqueles sectores con elevado potencial de xeración de empregos sostibles e de crecemento tales como: a acuicultura, o turismo costeiro, a biotecnoloxía mariña, as fontes de enerxía mariña e a minería asociada aos fondos mariños.
  2. Obtención de coñecemento, certidume legal e seguridade da Economía Azul a través de: mellora do coñecemento do medio mariño que poida mellorar o acceso á información sobre o mesmo, planificación espacial do medio mariño que permita unha xestión sostible das actividades que se realizan no mesmo e vixiancia integrada do medio mariño como sistema de información ás autoridades acerca do que nel ocurre.

A Economía Azul supón unha esperanza de desenvolvemento para todas aquelas sociedades ligadas ao medio mariño, que supón unha ampla e variada fonte de recursos: enerxía, compostos químicos de interese industrial e/ou farmacolóxico, auga potable, recursos mineiros, etc.

Relación da proposta coas características socioeconómicas da zona de influencia do Título

Os/as graduados/as en Ciencias do Mar deben ser capaces de integrarse nos diferentes niveis do tecido económico e social, tanto no ámbito público como no privado, na área de influencia do título, entendida ésta como unha área con diferentes niveis que van desde o nacional e incluso internacional, ata un nivel local.

As administracións teñen un papel destacado na protección e desenvolvemento económico e social do medio mariño e costeiro. Así o estado español estableceu diversos obxectivos, a través do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, no que a protección da costa e o medio mariño se refire (http://www.mapama.gob.es/es/costas/temas/proteccion-medio-marino/):

  • Protección do Medio Mariño.
  • Espazos mariños protexidos.
  • Hábitats e especies mariñas.
  • Estratexias mariñas.
  • Protección internacional do mar.
  • Actividades humanas no mar: dragados, arrecifes artificiais, extracción de materiais dos fondos mariños, etc.

Por outra parte, tamén establecéronse as prioridades de futuras actuacións na costa:

  • Adaptación ao cambio climático.
  • Directiva de inundacións.
  • Coñecemento do litoral.
  • Ecocartografías.
  • Estratexias para protección da costa.

En ambos ámbitos, protección do medio mariño e actuacións na costa, os graduados/as en Ciencias do Mar son candidatos excelentes para divulgar, ser axentes activos e facer cumprir os obxectivos propostos.

Pola súa parte, a administración autonómica galega, a través da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) tamén establece determinadas prioridades relacionadas co medio mariño nas que os Graduados en Ciencias do Mar deberían ter un papel destacado, tales como:

  • a investigación e asistencia técnica ao sector marítimo-pesqueiro.
  • elaboración e aplicación de plans de mellora e mantemento do litoral e dos seus recursos pesqueiros.
  • loita contra a contaminación.

Dun modo máis concreto, a formación en Ciencias do Mar permitiría incluír a estes profesionais fundamentalmente en actividades relacionadas con dous niveis diferenciados:

  • Nivel produtivo: pesca, marisqueo, industria transformadora, acuicultura.
  • Nivel formativo e investigador: formación de persoal especializado en diversas especialidades relacionadas coas actividades náutico-pesqueiras e investigación centralizada nos tres centros que a Consellería xestiona: CIMA (Centro de Investigacións Mariñas), INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia) e CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar).

Continuando co ámbito territorial autonómico, un dos sectores económicos máis potentes en Galicia, e que o diferencian doutras comunidades autónomas, é o pesqueiro e o de elaboración de produtos derivados da actividade pesqueira-marisqueira. O estudo, coñecemento, capacidade de xestión, etc., dos recursos asociados a estas actividades demanda profesionais con preparación suficiente para integrarse neste sector, así como para facilitar o seu progreso e modernización. Por outra parte, a extensa liña costeira, na que se desenvolven todo tip ode actividades, residencial, industrial, pesqueira-marisqueira, turística, lúdica, etc., esixe profesionais con capacidade de xestión e coñecemento deste tipo de ambientes para que se poida levar a cabo un aproveitamento económico e social sostible.

A un nivel máis local, a cidade de Vigo e o seu tecido socioeconómico estiveron sempre vinculados ao mar e supón un polo industrial de gran relevancia nacional e internacional no que a recursos derivados do mar se refire. Pero ademais Vigo conta con centros administrativos e de investigación de relevancia internacional, nacional e autonómica. Por citar algúns exemplos, Vigo é a sede da Agencia Europea de Control de la Pesca, ten un Centro Oceanográfico dependente do Instituto Español de Oceanografía (IEO) que cumpriu xa un centenario, tamén é a sede do Instituto de Investigaciones Marinas dependiente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), do Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Xunta de Galicia e tamén é a sede do Centro Tecnológico de la Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (ANFACO).

Pola súa parte a Universidade de Vigo é unha das Universidades de referencia no que a investigación mariña se refire. Esta investigación está nucleada arredor do Campus de Excelencia Mariña internacional Campus do Mar, proxecto transfronteirizo que trata de promover o coñecemento, a formación e a transferencia neste ámbito e do Centro singular de Investigación Mariña, financiado pola Xunta de Galicia. Neste último, intégrase todo o cadro docente da facultade de Ciencias do Mar, desenvolvendo traballos científicos en todo tipo de ámbitos, desde a acuicultura, a prospección de recursos mineiros, a contaminación mariña, a explotación de recursos biolóxicos, etc.

ÁMBITOS PROFESIONAIS PARA OS FUTUROS PROFESIONAIS EN CIENCIAS DO MAR

A partir de toda esta documentación, e xunto cos informes da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, desenvólvese a continuación as competencias específicas repartidas en ámbitos profesionais para os futuros graduados en Ciencias do Mar:

  • Dirección, supervisión, coordinación e execución de proxectos e transferencia tecnolóxica nos diferentes ámbitos relacionados no medio mariño litoral e relacionados.
  • Dirección, elaboración e asesoramento na redacción de peritaxes, informes e proxectos (científicos ou técnicos) sobre cuestións mariñas e litorais.
  • Planificación, deseño, organización, desenvolvemento e execución de estudos, experimentos e campañas oceanográficas
  • Xestión de actuacións e coordinación de equipos multidisciplinares para a posta en marcha de plans de avaliación, calidade e mellora da produción industrial relacionada co medio mariño e litoral.
  • Asistencia técnica e asesoramento á Administración do Estado, Comunidades Autónomas, Corporacións Locais e outras entidades no referente ao medio mariño e litoral.
  • Docencia en diferentes niveis do sistema educativo (ensino regrado e non regrado).
  • Elaboración, coordinación e execución de programas de formación, concienciación e divulgación sobre o medio mariño e o litoral.
  • Manexo e aplicación de sistemas de información xeográfica (GIS) a estudos, informes e proxectos levados a cabo en relación co medio mariño e litoral.
  • Modelización costeira. Uso práctico de modelos, incorporando novos datos para a validación, mellora e evolución dos mesmos.
  • Investigación, desenvolvemento, deseño, transformación e control de procesos químicos industriais de interese ambiental.
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación, control, conservación, almacenamento e distribución dos recursos químicos naturais da explotación industrial dunha maneira racional e sustentable.
  • Deseño, planificación, xestión, dirección e integración no equipo de centros de tratamento e potabilización da auga.
  • Dirección e realización de estudos e análises de compostos químicos en auga de mar, en organismos mariños e en sedimentos.
  • Deseño, planificación, xestión e dirección de proxectos e de equipos de investigación para a explotación dos recursos químicos mariños e integración nos mesmos.
  • Aplicación oceanográfica da teledetección á ordenación do territorio, detección de verteduras, calidade de augas, predición de zonas de alta produtividade, localización e determinación de stocks para a optimización da explotación pesqueira, correntes, temperaturas, estudos de erosión costeira, batimetría, meteoroloxía, climatoloxía e estudos de interacción océano-atmosfera.
  • Desenvolvemento e planificación de estudos do medio aplicados á enxeñería civil, como paso previo a calquera intervención no medio mariño.
  • Aplicación de ecuacións dinámicas do océano á enxeñería civil, construcións oceánicas offshore, estudos climáticos, control da evolución de verteduras, navegación, aproveitamento enerxético, control de réximes de correntes e outros estudos do medio mariño.
  • Xestión e deseño de mareógrafos, boias meteorolóxicas e boias oceanográficas.
  • Aplicación dos principios da física da radiación electromagnética e a súa interacción coa atmosfera e o océano.
  • Aplicación de técnicas de análises de datos a fenómenos físicos mariños.
  • Dirección e execución de proxectos de investigación aplicados á explotación de recursos enerxéticos do medio mariño.
  • Realización de análise de ondada e mareas.
  • Coñecemento, uso, mantemento e calibración de dispositivos oceanográficos instrumentais básicos (sensores, alimentación, transmisión).
  • Aplicación de modelos de integración numérica das ecuacións dinámicas do océano para a análise e predición de variables físicas.
  • Procura e avaliación de recursos xeolóxicos mariños (áridos, petróleo, hidrocarburos, gases…) así como dirección, planificación e execución de campañas de explotación.
  • Prospección geofísica, elaboración de batimetrías e mapas do fondo oceánico.
  • Caracterización, clasificación e cartografiado de ambientes costeiros, fondos mariños e áreas litorais, así como exploración e modelización dos procesos xeolóxicos nos océanos e a zona litoral e a súa interrelación con outro tipo de sistemas.
  • Elaboración e redacción de informes para avaliacións de impacto e rexeneracións en praias, actuacións sobre o litoral e a costa e informes de mercado.
  • Asesoramento e aplicación de métodos geofísicos á arqueoloxía submarina.
  • Tratamento de imaxes de satélite, DEM’s, fotointerpretación, visualización e cartografiado.
  • Realización de caracterizacións hidrolóxicas e geomorfológicas do medio mariño e litoral.
  • Inspección e extensión pesqueira.
  • Asesoramento técnico en tecnoloxías de explotación pesqueira, avaliación e xestión de pesqueiras.
  • Realización de análise microbiológicos da auga e de patoloxías de organismos mariños.
  • Realización de ensaios e dirección técnica en/ para a análise da comunidade microbiana no medio mariño.
  • Identificación e obtención de produtos naturais de orixe mariña.
  • Deseño, planificación, desenvolvemento, dirección e xestión de acuarios e museos relacionados co medio mariño.
  • Deseño, planificación, desenvolvemento, dirección e xestión de instalacións de acuicultura.
  • Dirección técnica e execución de programas de mellora xenética e selección de stocks para cultivo e repoboación.
  • Aplicación de técnicas de bioloxía molecular ao estudo e xestión dos recursos mariños.
  • Asistencia técnica a confrarías no referente a xestión da actividade extractiva de recursos, prevención de riscos e plans de mellora.
  • Realización e aplicación de estudos de dinámica poboacional.
  • Dirección e realización de análise de biotoxinas mariñas tanto en institucións públicas como privadas.

Xestión mariña e litoral

  • Avaliación e análise de impacto ambiental na zona costeira e mariña para a emisión de informes e realización de peritaxes.
  • Dirección, supervisión e realización de estudos sobre os usos do medio mariño e litoral para a elaboración e execución de plans de ordenación do espazo litoral.
  • Xestión de actividades de lecer e turismo relacionadas co medio mariño e terrestre para entidades públicas e privadas.
  • Dirección, supervisión, planificación e desenvolvemento de centros de interpretación ambiental de parques naturais e espazos naturais protexidos.
  • Xestión e dirección de espazos naturais e áreas marítimas protexidas, así como de proxectos de recuperación de espazos degradados.
  • Supervisión e xestión de lonxas de carácter público ou privado ou outros establecementos de recepción, exposición e primeira venda de produtos pesqueiros así como control de tallas, trazabilidad dos produtos pesqueiros e vixilancia das mesmas para asegurar a súa adecuación á normativa hixiénico-sanitaria vixente.
  • Deseño, planificación, desenvolvemento, dirección e xestión de centros de recuperación de especies mariñas contaminadas e ameazadas.
  • Creación, xestión e dirección de consultorías ambientais.
  • Control e vixilancia de obras no dominio público marítimo terrestre.
  • Implantación de sistemas de calidade e xestión ambiental.
  • Realización de diagnósticos ambientais e peritaxes a empresas do sector mariño.
  • Investigación e avaliación dos efectos do cambio climático na costa.
  • Xestión de catástrofes e riscos naturais relacionados co medio mariño.
  • Xestión de Portos.

Economía e Lexislación

  • Asesoramento sobre lexislación vixente relacionada cos usos e ordenación do medio marítimo e litoral, así como lexislación ambiental e de contaminación mariña.
  • Realización de estudos e informes de caracterización económica e social da actividade produtiva pesqueira e marisqueira para entidades públicas e privadas.
  • Coordinación e realización de informes que permitan analizar e relacionar as variables económicas, sociais e biolóxicas dos recursos pesqueiros co obxectivo de lograr o desenvolvemento e a permanencia da actividade pesqueira no tempo, tendendo ao seu máximo beneficio socio-económico.
  • Interpretación e elaboración de políticas e informes económicos sobre a actividade pesqueira.

Contaminación mariña

  • Identificación e avaliación de contaminación orgánica, inorgánica e radioactiva no medio mariño.
  • Dirección e realización de análise de auga, organismos mariños e sedimentos para a detección e cuantificación dos diferentes tipos de contaminantes.
  • Detección, identificación, avaliación e control de focos de contaminación mariña e formulación de solucións.
  • Análise, control e xestión de efluentes de augas residuais e emisarios submarinos.
  • Deseño, planificación, dirección, xestión e desenvolvemento de estacións de depuración de augas.
  • Planificación, dirección e asistencia técnica para a análise de puntos críticos de lonxas, conserveiras, depuradoras, etc., e posta en marcha de plans de mellora.
  • Planificación, dirección, xestión e desenvolvemento de departamentos de calidade, medio ambiente e seguridade de conserveiras, industrias pesqueiras e depuradoras.

REFERENTES EXTERNOS Á UNIVERSIDADE PROPOÑENTE QUE AVALEN A ADECUACIÓN DA PROPOSTA A CRITERIOS NACIONAIS OU INTERNACIONAIS PARA TÍTULOS DE SIMILARES CARACTERÍSTICAS ACADÉMICAS

Na actualidade, en España o grao en Ciencias do Mar impártese en cinco universidades públicas (Las Palmas de Gran Canaria, Cádiz, Vigo, Alicante, Barcelona) e unha privada (Universidad Católica de Valencia). En todas elas, o plan de estudos tenta dotar aos titulados dunha formación multidisciplinar, aplicable a actividades pesqueiras, acuicultura, oceanografía, medio ambiente e a súa protección, xestión e ordenación do litoral, turismo sostible, novos recursos alimentarios e minerais de interese económico, así como capacidades para a ensinanza, o carácter emprendedor, e a iniciación na investigación básica.

Como mostraxe a análise comparativa realizada por Rubio et al. (2012) (IX Foro Internacional sobre a avaliación da calidade da investigación e da educación superior, Santiago de Compostela), todas as Titulacións de Grao coinciden nunha estrutura de 4 cursos de 60 créditos cada un, distribuídos en semestres de 30 créditos, cun total de 240 créditos (Tabla 1). En xeral, as materias son de 6 ECTS, agás nalgún caso excepcional como na UCA na que aparecen materias combinadas con maior número de créditos. Todas as universidades públicas teñen así mesmo unha distribución en tipos de materias na que é común a denominada formación básica con 60 ECTS. É tamén común a todas as titulacións o feito de que nos dous primeiros cursos se inclúan materias xerais disciplinares (matemáticas, física, química, bioloxía, xeoloxía) mentres que nos cursos seguintes abórdanse materias de tipo multidisciplinar propias das ciencias mariñas (oceanografías física, química e biolóxica, xeoloxía mariña, bioloxía pesqueira, contaminación mariña). Esta correspondencia entre plans de estudo facilita a mobilidade do alumnado entre universidades.

As principais diferencias entre universidades reflíctense na distribución das materias obrigatorias e optativas. As materias obligatorias son as que permitirán ao alumnado adquirir as competencias transversais e específicas do Grao e son as que dan natureza ao Grao. Ditas materias obrigatorias, que varían en créditos entre os 108 da UCA e os 162 da UCVA, respectivamente, compleméntanse coas materias optativas, que son as que confiren un carácter diferencial a través de competencias máis específicas e cunha vocación de preparación para a vida laboral no marco europeo. De elas, a menor optatividade corresponde á UVI e á UB con 18 ECTS e a maior ás ULPGC e UA con 30 ECTS. Cabe destacar ademais que a UCA e a UVI ofertan as prácticas en empresas dentro da optatividade, mentres que a ULPGC, a UCVA e a UB consideran obrigatorios 12 créditos para ditas prácticas. En canto aos créditos asignados ao Traballo de Fin de Grao, catro de elas (UVI, UCVA, UCA e UB) coinciden en 12 e dous (ULPGC e UA) ofertan 18 créditos.

Táboa. Comparación da distribución dos tipos de docencia de Grao nas distintas Universidades.

Universidade UVI UCVA ULPGC UCA UA UB
Publicación BOE 01/11/2010 28/02/2009 03/03/2011 05/01/2010 22/03/2012 26/10/2016
Número de créditos
Formación Básica 60 60 60 60 60 60
Obrigatorias 150 132 120 144 132 150
Optativas 18 24 30 24 30 18
Prácticas Externas 0 12 12 0 0 12
Proxecto Fin de Grao 12 12 18 12 18 12
TOTAIS 240 240 240 240 240 240
Nº Cursos 4 4 4 4 4 4
Créditos/Curso 60 60 60 60 60 60

A análise realizada para a elaboración do Libro Branco “Estudos de Grao Ciencias do Mar” da ANECA (2005) de diferentes institucións de educación superior en países europeos (Italia, Reino Unido, Holanda, Francia, Grecia, Irlanda, Portugal e Noruega) indicaba moi claramente unha tendencia ao desenvolvemento dun modelo de estudos de Ciencias do Mar cun Grao xeralista cunha duración de entre 180-240 ECTS, seguido dun Posgrao, de carácter multi e interdisciplinar cunha duración de entre 60-120 ECTS, en consonancia cos plans de estudos implantados en Europa nos últimos anos.

Dos 28 países da Unión Europea, 23 posúen costas mariñas, de modo que a liña de costa da UE é 7 veces máis longa que a de EEUU e 4 veces máis longa que a de Rusia. As rexións representan case a metade da poboación e o PIB da UE. No seu conxunto, a UE ten o territorio marítimo máis grande do mundo. Por outra parte, a UE conta con organizacións como a European Federation of Marine Science and Technology Societies (EFMS) cun grupo de traballo, CEMSE (Comparison of European Marine Science Education), que se dedica activamente á promoción de estudos en Ciencias do Mar. En consonancia con todo isto, nos últimos anos observouse unha expansión no número e diversidade de titulacións de educación superior centradas no estudo das ciencias mariñas.

Da análise comparativa das titulacións en Ciencias do Mar en diferentes países europeos poden extraerse as seguintes conclusións:

  • A práctica totalidade dos países costeiros en Europa conta con titulacións en Ciencias do Mar, ben en forma de grao ou de máster. Xunto co Reino Unido, España é o país no que o grao de Ciencias do Mar ofrécese nun maior número de universidades.
  • É dominante a oferta de estudos de Ciencias Mariñas a nivel de grao, coas notables excepcións de varias universidades de Francia, Italia e Noruega, entre outros países, onde estes estudos ofértanse como másters.
  • A duración predominante das titulacións en Ciencias do Mar é de 3 anos (180 ECTS) para os graos e de 2 anos (120 ECTS) para os másters.
  • O grao de multidisciplinaridade dos estudos en Ciencias do Mar ofertados como graos é variable: mentres que nalgúns casos se abarca un amplo espectro de disciplinas (como é o caso dos graos ofertados en universidades españolas), noutros existe un foco específico (bioloxía mariña, ecosistemas mariños e pesquerías, xeofísica, xestión costeira, etc.).

Táboa. Oferta de titulacións en Ciencias do Mar e disciplinas relacionadas en países europeos (sombreadas titulacións de máster).

País Lugar Titulacións Duración ECTS
Alemaña

Bremen

(Jacobs University)

Earth and Environmental Sciences

https://www.jacobs-university.de/study/undergraduate/programs/earth-and-environmental-sciences

3 anos 180

Kiel

(GEOMAR Helmholtz Centre for Ocean Research)

Physics of the Earth System: Meteorology – Oceanography – Geophysics

https://www.geomar.de/en/studying/bsc-physics-of-the-earth-system/

3 anos 180

Hamburgo

(Universität Hamburg)

Marine Ecosystem and Fisheries Science

https://www.biologie.uni-hamburg.de/en/studium/bachelor/bachelor-of-science-marsys.html

3 anos 180
Bélxica

Lieja

(Université Liège)

Master en oceanographie

https://www.programmes.uliege.be/cocoon/programmes/S2UOCE01.html

2 anos 120
Dinamarca

Copenhagen

(University of

Copenhagen)

MSc in Biology with a Qualification Profile in Marine Biology

http://studies.ku.dk/masters/biology/programme-structure/specialisations/marine_biology/

2 anos 120
Francia

Marsella

(Université d’Aix-

Marseille)

Sciences de la Vie et de la Terre (SVT) (incluye 2 años de especialidad en CC del Mar)

https://sciences.univ-amu.fr/licence-svt

3 anos 180

Brest Paris

(A maioría de universidades francesas ofertan graos de 3 anos en CC da vida ou da terra. A especialización mariña ofértase en másters)

13 titulacións de máster en CC do Mar no European Institute of Marine Science en Brest.

https://www-iuem.univ-brest.fr/en/home

Oceanography and marine environment; Ocean, Atmosphere, Climate and Space Observation en la Universidad Pierre et Marie Curie en París.

http://www.upmc.fr/en/index.html

2 anos 120
Grecia

Mitilene

University of the Aegean

Ciencias do Mar

http://www.mar.aegean.gr/

4 anos 240
Holanda

Utrecht

(Utrecht University)

MSc in Marine Sciences

https://www.uu.nl/masters/en/marine-sciences

2 anos 120

Groningen

(University of Groningen)

MSc in Marine Biology

https://www.rug.nl/masters/marine-biology/

2 anos 120
Irlanda

Galway

(National University of Ireland)

Bachelor of Science (Earth and Ocean Sciences)

http://www.nuigalway.ie/courses/undergraduate-courses/earth-and-ocean-sciences.html

4 anos 240
Italia

Xénova

Pisa

Boloña

Padua

A maioría de universidades italianas ofertan graos de 3 anos en CC biolóxicas ou naturais. A especialización mariña ofrécese en másters.

Scienze del Mare en la Universidad de Xénova

https://www.unige.it/en/off.f/2016/cds/9021.htm

2 anos 120

Titulacións de máster

Bioloxía Mariña nas Universidades de Padua, Boloña e Pisa

Noruega

Tromso

(The Arctic University of Norway)

Titulacións de máster

Marine Biotechnology; Law of the Sea; International Fisheries Management. https://en.uit.no/education

1.5-2 anos 90-120

Bergen

(Universitetet i Bergen)

Titulación de máster

Meteorology and Oceanography

http://www.uib.no/en/studyprogramme/MAMN-GEOF

2 anos 120
Portugal

Lisboa

(Universidade de Lisboa)

Meteoroloxía, Oceanografía e Xeofísica

https://ciencias.ulisboa.pt/pt/ensino-2/curso/licenciatura/meteorologia-oceanografiae-geofisica

3 anos 180

Faro

(Universidade do Algarve)

Marine Biology, Marine and coastal management

https://www.ualg.pt/pt/curso/1412

https://www.ualg.pt/pt/curso/1827

3 anos 180

Aveiro

(Universidade de Aveiro)

Meteoroloxía, Oceanografia e Xeofísica, Ciencias do Mar

https://www.ua.pt/course/39

3 anos 180
Reino Unido

Oban

(SAMS, Scottish Marine Institute)

Marine Science

https://www.uhi.ac.uk/en/courses/bsc-hons-marine-science/

4 anos

480

Créditos

(240 ECTS)

Bangor

(School of Ocea Sciences)

Ocean Science, Marine Biology and Oceanography, Marine Environmental Studies, e outros 9 graos relacionados con CC do Mar

https://www.bangor.ac.uk/oceansciences/undergraduate-courses/

3 anos

(algún con opción a 4 anos)

360

Créditos

(180 ECTS)

Southampton

(Ocean and Earth Science, National Oceanography Centre Southampton)

Oceanography; Marine Biology with Oceanography; Oceanography with Physical Geography

https://www.southampton.ac.uk/oes/undergraduate/courses/oceanography_list.page

3 anos

360

Créditos

(180 ECTS)

Plymouth

(Plymouth University)

Marine Biology; Marine Biology and Oceanography; Ocean Science and Marine Conservation; Marine Biology and Coastal Ecology; Marine Biology and Coastal Ecology

https://www.plymouth.ac.uk/study

3 anos

(+1 ano opcional de prácticas profesionais)

360 créditos

(180 ECTS)

Norwich

(University of East Anglia)

Meteorology and Oceanography with a Year in Industry

https://www2.uea.ac.uk/study/undergraduate/degree/detail/bsc-meteorology-and-oceanography

3 anos

(+1 ano de prácticas profesionais)

360

Créditos

(180 ECTS)

Suecia

Gotemburgo

(Göteborgs universitet)

Marin Vetenskap (Ciencias do Mar)

https://utbildning.gu.se/education

3 anos 180

Estocolmo

(University of Stokolm)

Master in Marine Biology

https://sisu.it.su.se/search/info/NMABO/

2 anos 120

O interese estratéxico dos estudos, tanto a nivel de grao como de posgrao e doutoramento, e das investigacións en Ciencias e Tecnoloxía Mariña para o desenvolvemento económico e social a nivel da UE quedou reflectivo pola Declaración de Galway (Irlanda 2004) aprobada por científicos, xestores, políticos europeos, Universidades Europeas e a Asociación de Decanos de Ciencias do Mar de España. A nivel internacional o auxe dos estudos en ciencias do mar foi especialmente intenso en América Latina e os Estados Unidos. Boa proba diso son as sesións temáticas sobre Educación Superior no ámbito mariño nos simposios da Sociedad Americana de Limnología y Oceanografía (htttp://also.org), sen dúbida unha das sociedades máis influíntes do mundo no ámbito das Ciencias do Mar.

A escala mundial, os estudos de Ciencias do Mar teñen unha importancia considerable, así, a UNESCO tras recoller os resultados de enquisas internacionais, sinalou en 1988 que 95 centros de 44 países dispoñían dalgún tipo de programa de ensino universitario en Ciencias do Mar, moitos dos cales se atopan na Unión Europea.

A implantación dos graos para o desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior e a progresiva desaparición das licenciaturas fixo necesario poñer en marcha os correspondentes mecanismos de homologación entre titulacións. A Resolución da Dirección General de Política Universitaria de 11/02/2016 (BOE 24/02/2016) determina o nivel de correspondencia ap nivel do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior do Título Universitario Oficial de Licenciado en Ciencias do Mar. Esta resolución establece que o título oficial universitario de Licenciado en Ciencias do Mar correspóndese co nivel 3 (Máster) do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES), polo que a todos os efectos a licenciatura en Ciencias do Mar equivale como titulación á combinación dun grao máis un máster (nivel 7 do Marco Europeo de Cualificacións).

DESCRICIÓN DOS PROCEDEMENTOS DE CONSULTA UTILIZADOS PARA A ELABORACIÓN DO PLAN DE ESTUDOS

O principal referente externo foi o Libro Branco das titulacións de Grao en Ciencias do Mar (2004). Na elaboración deste documento de referencia participaron representantes dos equipos decanais de todas as Facultades de Ciencias do Mar de España.

Durante a elaboración do plan de estudos do Grao, nomeouse unha comisión encargada do deseño e desenvolvemento do título. Dita comisión estaba composta polas diferentes áreas de coñecemento, cuxa representación viña definida en función da súa porcentaxe de docencia na licenciatura. Esta comisión tiña carácter conxuntural, disolvéndose tras rematar o seu cometido coa verificación inicial do título, a súa publicación no BOE e a conseguinte inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

O procedemento DO-0102 P1: Seguimento e mellora das titulacións recolle a sistemática que permite a execución efectiva das ensinanzas conforme ao recollido no plan de estudos da titulación correspondente e identifica as principais debilidades e boas prácticas, de acordo coa normativa publicada por ACSUG no documento “Seguimento de títulos oficiais” que marca as liñas para levar a cabo dito proceso nos títulos do SUG, todo iso co fin de promover propostas de accións de mellora nos títulos vixentes.

Esta función foi desenvolvida polo equipo decanal da Facultade de Ciencias do Mar a través da elaboración dos informes anuais de seguimento do título, que son aprobados posteriormente en Xunta de Facultade. Os informes de seguimento permitiron propoñer accións de mellora que foron aplicándose curso a curso para garantir un desenvolvemento da ensinanza coherente coa memoria da titulación e cos avances na comprensión do EEES. Desde o curso 2012-13, tanto as revisións realizadas por ACSUG como as revisións internas consideraron a avaliación do título como “conforme”.

Durante o curso 2016-17, levouse a cabo a acreditación do título de Grao en Ciencias do Mar, onde unha Comisión externa de expertos analizou a titulación e propuso melloras. ACSUG emitiu un informe final de avaliación para a renovación da titulación “favorable”, cunha valoración media de B: O estándar correspondente ao criterio acádase completamente. Entre os puntos fortes destacados pola Comisión:

  • O título mantén o interese desde o punto de vista académico, científico e profesional, e atópase directamente relacionado cun sector estratéxico da rexión.
  • O Grao en Ciencias do Mar destaca como título único en todo o Sistema Universitario de Galicia. Está ben xustificado e amosa positivamente un carácter multidisciplinar.
  • O título mantén unha boa demanda, que se atopa plenamente xustificada como pode constatarse coa evolución da matrícula de novo ingreso dos últimos cursos académicos, que cubre totalmente a oferta de novo ingreso de 70 prazas.
  • O esforzo realizado por implantar a docencia en inglés, seguindo a política de internacionalización da Universidade de Vigo. É un aspecto moi positivo que pode favorecer a mobilidade “entrante”.
  • A materia optativa de Prácticas Externas está moi ben valorada polos distintos grupos de interese: estudantes, egresados, profesores e empregadores.
  • Os informes anuais de Revisión pola Dirección, memorias anuais do Centro onde se analiza a información dos títulos de grao e máster que se imparten en el Centro.
  • A cualificación docente e investigadora do persoal académico responsable da docencia do título é boa, cun perfil axeitado para o grao. En xeral, están ben valorados polos estudantes. Posúe unha boa proporción de quinquenios docentes e tramos de investigación.

Dentro deste informe final, plantéxanse algunhas accións de mellora que deberán terse realizado no prazo de tres anos. Entre elas, destaca a actualización da Memoria do Título.