Universidade de Vigo
Nome do centro
Cabeceira

Liderazgo compartido e traballo duro son os sinais de identidade deste equipo decanal, que está ao servizo dos distintos grupos de interese da Facultade de Ciencias do Mar, e que afronta novos retos con forza e entusiasmo.

 

Reunirse en equipo é o principio, manterse en equipo é o progreso, traballar en equipo asegura o éxito.

Henry Ford

 

Á fronte do equipo decanal da facultade de Ciencias do Mar está a Catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, Belén Rubio Armesto, apoiada nesta tarefa polas vicedecanas Ana María Bernabeu Tello, Profesora Titular do mesmo Departamento, Nuria Pedrol Bonjoch, Profesora Contratada Doutora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, e pola secretaria do centro, Amelia Coello Casado, Técnica Especialista en Contabilidade e persoal de xestión da universidade de Vigo.

Este equipo decanal non é paritario. "A verdade é que non buscaba que fose así. O mesmo que se aplican políticas de igualdade en tódolos estamentos e comisións, non foi algo que se me pasara por alto cando constituímos este equipo. Se ben as circunstancias deron lugar a que finalmente tiveramos un equipo non paritario." Explícanos a decana.

 

O equipo...

 

Belén Rubio, ao servizo do equipo.

“Belén Rubio é un brazo de mar, nunca mellor dito”, dinos Nuria Pedrol. Se non fose porque é a a cabeza máis visible do decanato, poderiamos dicir que é a líder na sombra. Malia ao traballo e responsabilidade que conleva o seu cargo, sempre está disposta a botar unha man no que faga falla. Como decana de Ciencias do Mar xa vai polo segundo mandado. “A miña principal función debe ser planificar, dirixir e supervisar ao equipo e mailo centro. Elixir o camiño cara ónde debe orientarse a facultade, tanto no que atinxe ás actividades académicas como administrativas. Pero tamén velar polos intereses do alumnado, o profesorado e o persoal de administración e servizos (PAS). En definitiva, solventar os problemas do día a día e que todo o mundo se sinta a gusto e respectado na súa posición.”

Defínese como unha persoa que lle gusta máis escoitar que falar, cualidade indispensable que deber ter unha boa líder. “Gústame escoitar o que os demais teñen que dicir, todo o mundo ten algo que aportar”. A súa fortaleza é ser unha persoa moi tenaz e traballadora. “ Gústame transmitir, co exemplo do traballo, a ilusión pola consecución dunha tarefa en equipo”.

 

Ana Bernabeu Tello, unha traballadora incansable.

Ana Bernabeu Tello, vicedecana dende xuño do 2013, ademais de solventar cuestións do día a día da Facultade, é a coordinadora de calidade do centro. “A miña función, como coordinadora de calidade é velar pola implantación do Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC)”. Neste cargo desenvolveu e desenvolve un labor inxente, que culminou recentemente no Informe de autoavaliación de renovación da acreditación do Grao de Ciencias do Mar.

É unha persoa cunha grande capacidade de traballo, “e sobre todo, que no meu labor non me poño límites, coido que son capaz de conseguir ou alcanzar calquera meta que me propoña”. E engade “ademais como licenciada en Ciencias do Mar coido que contribúo a unha mellor comprensión dos obxectivos e problemas desta titulación”.

Resalta que como equipo, a súa fortaleza é que funcionan coordinadas en tódalas tarefas que abordan “somos xogadoras de equipo” comenta.

 

Nuria Pedrol Bonjoch, positividade e forza para acometer novos retos.

Nuria Pedrol afronta o seu día a día sempre cun sorriso “teño boa relación cos estudantes e iso é un grao cando traballas con e para eles. Sinto que me aprecian e é mutuo. A relación cos colegas docentes é tamén cordial e doada”. Emana positividade, algo que é moi de agradecer no traballo diario.

Como vicedecana encárgase de atender ás necesidades económicas do centro, e garantir que o profesorado e alumnado poidan levar a cabo as súas actividades nas aula con normalidade. Ademais, coordina o Plan de Acción Titorial, a planificación dos horarios, e comproba e facilita que o profesorado sexa avaliado polo estudantado a través das EADs (Enquisas de Avaliación Docente).

Cando lle preguntamos por aquilo no que sobresae contéstanos que “a miña meirande fortaleza é que nunca me queixo porque son consciente de que non teño de qué. Son moi afortunada de poder desenvolver a miña profesión con liberdade e é algo que sempre teño presente.” Tamén é unha persoa valiente, que afronta os retos de cara “non se pon nada por diante. Se non sei facer algo, infórmome e aprendo”.

 

Amelia Coello Casado,unha veterana no equipo decanal.

As súas compañeiras de equipo refírense a Amelia Coello Casado como “a eficiencia personificada”. A súa andadura como secretaria do equipo decanal comezou no 2007, primeiro co profesor Jesús Souza Troncoso, como decano, e agora co equipo de Belén Rubio. Todos estes anos como secretaria da facultade déronlle a Amelia Coello un knowledge que é un activo moi importante para o equipo e o labor que este desenvolve no decanato.

Como secretaria da facultade encárgase do funcionamento dos orgános colexiados, de solicitar e xustificar as axudas para as distintas actividades do centro, así como da elaboración dos listados de asignación das liñas de traballos dos TFG (Traballos Fin de Grao), entre outras tarefas. Dentro das súas funcións o sector que máis demanda a súa adicación é “a atención ao profesorado e alumnado que acoden ao decanato para atopar solución aos seus problemas”.

Esta é, de feito, a área de traballo na que Amelia Casado desenvolve a habilidade que máis a caracteriza: “a relación interpersoal co profesorado e o alumnado.”

 

A titulación e o seu futuro…

A titulación de Ciencias do Mar atópase estes días en pleno proceso de acreditación: os días 7 e 8 de marzo a Comisión de Avaliación da ACSUG estará avaliando a titulación.

“Acadar a acreditación e darlle unha maior relevancia á titulación a nivel da sociedade”, é o obxectivo que se marca a decana para os cursos 2016-17 e 2017-18.

Este obxectivo cobra vida nas entusiastas palabras da vicedecana Nuria Pedrol “si, o reto máis inminente é ter un título acreditado. Pero que o papel teña fundamento, que se respire calidade. Que o estudantado e o profesorado de Ciencias do Mar estean orgullosos da titulación e que a leven como bandeira aló onde vaian.”

“O reto de futuro é pór en valor a titulación e combater as ideas preconcebidas e erróneas que hai sobre ela”. Coméntanos a vicedecana Ana Bernabeu. “Ciencias do Mar é unha titulación de futuro, como pon de manifesto o interese de diferentes organismos internacionais no que se coñece como Economía Azul, e nas fortes inversións para o estudo do fondo mariño. Precísanse profesionais formados e con amplo coñecemento dos océanos”.

As nosas tituladas e titulados saen ao mercado laboral cunha excelente formación. Proba delo é o recoñecemento internacional, onde moitos e moitas dos egresados e egresadas están actualmente ocupando postos de responsabilidade en organismos públicos e empresas privadas de medio mundo:http://mar.uvigo.es/index.php/es/noticias-y-avisos/502-oceanografos-por-el-mundo-actividad-25-aniversario)."

 

A achega…

 

A nivel individual

Como decana da facultade a achega máis importante de Belén Rubio nestes últimos anos foi, segundo as súas propias palabras, “conseguir que se constituíse, por primeira vez, unha Conferencia de Decanos e Decanas en Ciencias do Mar. Isto permitiranos incidir na constante mellora da calidade dos estudos de Ciencias do Mar coordinando iniciativas, intercambiando experiencias e información de interese xeral.”

A secretaria, Amelia Coello, pensa que “debido ás experiencias acumuladas nos moitos anos que leva no Decanato, e antes na Área de Alumnado, o labor de información e asesoramento ao alumnado do centro é a súa contribución máis importante”.

Para Ana Bernabeu, “quizais polo recente e polo tempo e esforzo invertidos, coido que a miña maior aportación foi a preparación do Grao de Ciencias do Mar para o proceso de acreditación do título.”

Nuria Pedrol considera que “a continuidade do bo labor do anterior vicedecano, Jesús López” é a súa achega máis importante.

 

Como equipo

A mellora continua “mellorar e alcanzar niveis de calidade docente, potenciando o labor e o papel no noso centro da Comisión de Garantía da Calidade, cuxo obxectivo último é lograr a acreditación das titulacións así como melloralas continuamente." E a proxección internacional do título, "promover e favorecer as relacións internacionais. Isto comezou pola implantación e promoción das materias en inglés, e agardamos que sexa o xerme para nun futuro próximo establecer titulacións conxuntas con outras universidades” Son, segundo a decana, as principais aportacións deste equipo decanal.

 

A impronta…

Á decana de Ciencias do Mar cando remate o seu mandado gustaríalle “ ter logrado darlle unha maior relevancia á titulación na Universidade de Vigo, xa sexa como froito de tódalasactividades realizadas, ou ben pola súa internacionalización, ou pola consecución dunha doble titulación.”

Amelia Coello sentiríase orgullosa de que “tanto o PDI como o alumando consideren que foi unha axuda nas xestións que lle solicitaron.”

Para Ana Bernabeu “ a implantación do EEES (Espazo Europeo de Educación Superior) supuxo un cambio na concepción da docencia, que pasou de ser unha actividade individual a ser unha actividade coordinada e organizada dende o centro. Adaptarse a este cambio de concepción foi un proceso complexo para todas. “Confío en que ao rematar o mandado consigamos transmitir a tódolos grupos de interese do centro a importancia deste novo sistema de funcionamento, sentado unhas bases duradeiras neste sentido, favorecendo a participación de todo o profesorado e estudantado na marcha do Grao.”

A Nuria Pedrol gustaríalle “que quede a sensación de que servimos á facultade. Que Ciencias do Mar sexa visible e coñecida. É unha pasada de carreira, cun grande futuro, e os titulados e tituladas saen preparadísimos para respostar a moitas demandas da sociedade. Gustaríame que ao final do noso servizo (mellor que mandado), a cidadanía soubera de Ciencias do Mar como sabe de Medicina ou Dereito.”

As chaves do éxito deste equipo decanal é un liderazgo compartido que, parafraseando a Nuria Pedrol, está ao servizo dos seus clientes, tanto internos (profesorado, alumnado e PAS), como externos, a sociedade.

 

Escrito por Mercedes Palanca González