Universidade de Vigo
Nome do centro
Cabeceira

Na Facultade de Ciencias do Mar seguen as actividades de celebración do seu 25 aniversario, nesta ocasión coa inauguración dunha exposición malacolóxica na que poden verse moluscos do Atlántico, do Pacífico e tamén do Índico. A mostra está organizada pola Delegación de Alumnado dentro do programa Live Sciences, coa colaboración do profesor Jesús Souza Troncoso, director da Estación das Ciencias Mariñas, ao tempo que presidente da Sociedade Española de Malacología e exsecretario da sociedade mundial que reúne aos estudosos desta ciencia dedicada ao estudo dos moluscos. “É unha mostra pequena, apenas catro vitrinas, pero da que me sinto moi orgulloso, xa que xurde por iniciativa do noso alumnado”, explicou intres antes da súa inauguración Souza, que exerceu como comisario.

A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo principal do Edificio de Ciencias Experimentais ata finais de febreiro, inclúe arredor de 70 exemplares de moluscos, parte deles cedidos polo propio Souza, recollidos nas súas múltiples viaxes, e os outros son achegas dos propios alumnos e alumnas.

A inauguración da exposición acompañouse dunha pequena charla na que Souza, presentado pola decana da facultade, Belén Rubio, fixo un rápido repaso sobre que é a malecoloxía, cales son as especies máis frecuentes e importancia económica dos moluscos. “Despois dos insectos os moluscos son o grupo que maior número de especies ten, aproximadamente cen mil especies: desde un animaliño de menos de medio milímetro ata os calamares xigantes”, explicou o docente.

As tres clases máis coñecidas, “debido probablemente á súa importancia na gastronomía galega” son, segundo expuxo o investigador, os gasterópodos (minchas, carafio, lapas, etc.), bivalvos (ameixas, mexillóns, berberechos, navallas, etc.) e os cefalópodos (polbo, luras, pota…).