Close

11 Febreiro, 2019

Proyecto RepescaPlas

O obxectivo era retirar arredor de 300 kg de residuos nos portos de Vigo, Marín e Gandía ao longo do ano 2018 pero a realidade desbordou as previsións e foron máis de tres toneladas as recuperadas destes tres portos dentro do proxecto RepescaPlas, unha iniciativa posta en marcha en 2017 polo Instituto Tecnológico del Plástico (Aimplas), en colaboración coa Universidade de Vigo, a través do grupo Ecotox; a Fundación Global Nature; a Asociación Vertidos Cero e a Cofradía de Pescadores de Gandía. A finalidade era recoller lixo mariño nas costas de Galicia e Valencia para analizado e valorizalo en forma de novos produtos e, deste xeito, avanzar de cara a atopar unha solución a este problema e aos seus efectos sobre a biodiversidade mariña.

A recollida do lixo correu a cargo dos pescadores dos portos de Vigo, Marín e Gandía, que retiraron ao longo dos últimos meses 3000 quilos, tanto depositados en fondos profundos como flotantes dentro da columna de auga. Estas cifras multiplican por dez a previsión inicial e permitiron identificar e catalogar 8000 obxectos, clasificados segundo categorías e tipos coa metodoloxía desenvolvida na plataforma ‘Marnoba’.

Entre os residuos recollidos nos portos de Marín e Vigo predominan embalaxes industriais, láminas de plástico e botellas de plástico, con 473 e 460 unidades, respectivamente. No caso de Gandía, atopáronse un maior número de envases de comida e bolsas, ambos da categoría “plástico”, dos cales se retiraron 995 e 967 unidades, respectivamente. En xeral, tanto no Mediterráneo como no Atlántico predominan os obxectos de plástico pero tamén se atoparon doutras categorías como metal, cun total de 465 unidades de latas de bebidas, ou 308 unidades de roupas e teas. Ademais, tamén se identificaron sedais, cabos e cordas e outros obxectos pesqueiros, como nasas para polbos, que se atoparon nas costas galegas.

 

Caracterización ecotoxicolóxica

Unha parte dos obxectos recollidos, os clasificados dentro da categoría ‘plástico’, pasaron por un proceso de caracterización tamén en función da súa natureza antes do proceso de valorización material ou reciclado proposto no proxecto. Neste sentido, realizouse un estudo de caracterización ecotoxicolóxica coa selección de tres residuos (redes, nasas de polbo e láminas industriais), que se expuxeron a tres organismos mariños, en concreto a larvas de ourizos, microalgas e copépodos. Todos os resultados tiveron un resultado negativo, a excepción dun tipo de rede de pesca que mostrou toxicidade no caso das larvas de ourizo. Os investigadores do proxecto analizarán neste 2019 en detalle estes datos para observar se esa toxicidade é debida ao material, aos aditivos ou por elementos que se absorben ao mesmo durante a súa estadía no medio mariño.

Finalmente, e tras a caracterización dos residuos segundo o tipo de material, os investigadores centráronse na fracción plástica para realizar o pretratamento mediante lavado e triturado e experimentaron as posibilidades de valorización de cada tipo de material. Entre estes materiais, o tipo ‘film’ -como o polietileno de baixa densidade ou o polipropileno, entre outros- presenta mellores resultados para a súa reciclaxe ou valorización material.

RepescaPlas continuará este ano afondando nos estudos xa realizados co obxectivo de ampliar e afianzar os resultados, e de estender o proxecto a novas zonas da costa española. A iniciativa desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidad e o Ministerio para la Transición Ecológica, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

11 Febreiro, 2019