Close

Calendario de Implantación

Seguindo as recomendacións do Consello Galego de Universidades no documento: “Liñas xerais para a implantación dos Estudos de Grao e Posgrao no SUG”, y tendo en conta que os recursos humanos e materiais existentes na Facultade de Ciencias do Mar así o permiten, para o curso 2009-10 implantarase o plan de estudos de grao de forma progresiva, de acordo ao seguinte calendario:

Curso académico Implantación do curso de Grao
2009 – 2010 Primeiro
2010 – 2011 Segundo
2011 – 2012 Terceiro
2012 – 2013 Cuarto

Non obstante, en función do desenvolvemento do novo plan de estudos e das infraestruturas de material, tentarase implantar os cursos terceiro e cuarto no curso académico 2011-2012 co obxectivo principal de favorecer que os alumnos se adapten ao novo plan.

Procedemento de adaptación dos estudos existentes ao novo plan de estudos

O sistema de adaptación dos estudos do actual título de Licenciado en Ciencias do Mar ao proposto de Graduado en Ciencias do Mar, tentará corresponder a lóxica de contidos e competencias asociados das materias dun e outro plan, coa acumulación e o recoñecemento de todos os créditos derivados do traballo desenvolto polo estudante, en consonancia coa filosofía derivada do sistema ECTS. Co fin de garantir unha transición ordenada e evitar posibles prexuízos aos estudantes, o procedemento poderá ser revisado anualmente durante o período de implantación para corrixir posibles desviacións de proposta e solucionar problemas que a práctica poña en evidencia. A Comisión de Convalidacions, que xa está constituída na Facultade de Ciencias do Mar será a encargada de levar a cabo os procesos de adaptación ao novo Plan de Estudos de Grao durante a fase transitoria de implantación. A súa composición inclúe representación do equipo directivo da titulación, PDI, PAS e estudantes. O sistema de adaptacións incluirá unha Guía de Adaptacións que orientará os procesos de adaptación. A Comisión de Convalidacións será a encargada de resolver os devanditos procesos, seguindo as indicacións da Guía, podendo adaptar estas indicacións tendo en conta o expediente concreto de cada estudante, os obxectivos da titulación e as competencias adquiridas. Estableceranse e darase publicidade ao procedemento de solicitude de adaptación e ás canles de comunicación coa Comisión de Convalidacións, que terá potestade para resolver as cuestións concretas que poidan xurdir como pode ser:

  • O recoñecemento de créditos de Libre Elección.
  • A decisión en cada caso particular de optar por unha adaptación en bloque (por cursos completos ou por cursos incompletos), por materias ou por un sistema combinado destas posibilidades.
  • Calquera outro asunto derivado da situación persoal de cada alumno.

Estableceranse as canles axeitadas para que o estudantado poida cursar as súas dúbidas e queixas sobre o proceso de adaptación, que serán respondidas e resoltas pola Comisión de Convalidacións.

Se se considerase necesario, a Facultade podería programar actividades complementarias, optativas ou obrigatorias, para completar a formación dos estudantes tras a súa adaptación. Tanto a Comisión de Convalidacións como os coordinadores de cada curso do grao, poderán facer recomendacións aos estudantes, individualmente ou por grupos, sobre a conveniencia de cursar unhas ou outras destas actividades, ou sobre o enfoque determinado que deberían de dar á optatividade a prol da coherencia final dos seus estudos cos obxectivos da titulación.

Ensinos que se extinguen pola implantación do novo Grao

O ensino que se extingue é a titulación de licenciado en Ciencias do Mar.